ENTREVISTAS DEPORTIVAS PARA LEVAR MELLOR O ESTADO DE ALARMA (CAPÍTULO 13)



Outra colaboración a maiores para hoxe coas nosas entrevistas é a de Martín Pardiñas, un namorado do deporte. Agradecemos a túa colaboración, de corazón. Moito ánimo e moita forza.
Aquí deixámosvos a súa entrevista:
-NOME:
Martín Pardiñas Díaz
-LUGAR DE NACEMENTO:
Lourenzá

-COMPAÑEIRO DE AVENTURAS DEPORTIVAS O QUE BOTAS DE MENOS NESTOS DÍAS:
Nestes momentos o compañeiro de aventuras que máis boto de menos é Siro, xa que xuntos levamos unhas cantas.
-MELLOR DEPORTISTA CO QUE ADESTRACHES:
Tiven a sorte de compartir adestramentos con grandes deportistas como Pedro Nimo, Pablo Criado ou, cando tiña 17 anos, cun mestre de Kárate 8º DAN, que fora seleccionador nacional, e que me deixou abraiado co que podía facer con 80 anos que tiña.
-MELLOR ADESTRADOR QUE TIVECHE:
Todos os adestradores que tiven me ensinaron cousas positivas, non podería escoller a un, pero os que máis destaco son dous. Eladio, que me adestrou dende os 5 anos ata os 19 en kárate e co cal cheguei a ser cinturón negro. Pero ademais disto, e máis importante, inculcoume os valores das artes marciais dunha maneira moi especial. E Siro, que foi peza fundamental para que agora desfrute das carreiras de ultradistancia, aínda que máis que un adestrador é un amigo que me axuda.
-MELLOR RECORDO DEPORTIVO:
O mellor recordo deportivo está entre 3 momentos moi especiais para min. Un sería a Travesera do ano 2018, xa que conseguir rematala era un soño que fai anos atrás me parecía inalcanzable.
Outro momento especial foi a 1ª edición da Toxiza, por todo o que significaba ese primeiro paso. Poder organizar e correr unha carreira por montaña polos montes de Mondoñedo, onde adestro e dos cales me namorei, era algo que me facía moita ilusión.
E por último, aínda que para min foi algo máis que un reto deportivo, o día que percorrín o Camiño Norte de Santiago correndo nunha soa etapa. Percorrido que comezou na Praza do Conde Santo de Lourenzá ata a Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Era unha promesa e foi unha viaxe incrible que non a cambio por nada.
-MAIOR TOLERÍA QUE FIXECHE POLO DEPORTE:
A maior tolería podería dicir que foi polo mes de maio de 2017 cando durmindo tan so 3h me fun aos Picos de Europa con Siro para adestrar de cara á Travesera. Recordo saír de Lourenzá polas 5 da mañá destino Poncebos. A viaxe durou unhas 3h de coche. Ao chegar preparámonos e remontamos o Cares ata Caín, despois subimos o Canal de Dobresengos, Horcada de Caín, Refuxio do Urriello, baixamos polo Canal de Camburero ata Bulnes e de novo cara Poncebos. Este percorrído acumulou uns 35km cun desnivel brutal. Un baño no río e volta para Lourenzá. Todo isto despois da semana previa á inauguración da tenda que tiña en Ribadeo. Unha tolería máxima!!!
-UN LUGAR:
A miña querida Toxiza.
-UNHA PELI:
El último samurái.
- UNHA CANCIÓN:
Zombie de The Cranberries
-UNHA COMIDA:
Ovos fritos con patacas, o meu manxar.
-DEPORTES QUE PRACTICAS:
Trailrunning e running
-CONSELLO QUE DAS PARA LEVAR MELLOR O CONFINAMENTO:
Ter unha actitude positiva, valorar as pequenas cousas do día a día e aproveitar esta situación para pensar na sorte que temos de vivir onde vivimos. Se pensamos nisto seguro que o levamos mellor porque nos daremos conta do afortunadxs que somos. E ademais, creo que o importante é seguir cuns horarios definidos. Pero o máis importante é ser POSITIVXS.
- QUE EXERCICIOS LLES RECOMENDAS Á XENTE PARA FACER NA CASA ESTOS DÍAS:
Unhas horiñas de cardio á semana sería perfecto, utilizando calquera dos medios que teñan ao seu alcance, como subir e baixar unhas escaleiras, stepper, cinta de correr, bici… e despois exercicios de fortalecemento co noso propio peso ou con gomas, mancuernas, bidóns de auga, botellas, o que se poda usar. Sen esquecer os estiramentos e a relaxación. Creo que iso sería o mellor.

Grazas pola oportunidade e pola iniciativa. Recordade QUE TODO SAIRÁ BEN!! XA QUEDA MENOS!
Moita forza e ánimo para todxs os sanitarixs, policías, gardas civís, persoal de supermercados, transportistas e todxs os que estades loitando para que poidamos vencer esta situación.