CRÓNICA DO EMPATE DO MONDOÑEDO F.C. CONTRA O POL

Inxusto resultado o colleitado polo Mondoñedo F.C. este domingo no campo do Pol. O empate 1-1 non fai referencia ó visto sobre o embarrado terreo de xogo. Éste estado pésimo do campo así como un malísimo arbitraxe foron os detonantes de que o noso equipo só colleitara un punto.

Non soemos poñer nada das arbitraxes porque consideramos que o fan o millor que poden, pero neste partido e con arredor de 20 fóras de xogo en contra dos mindonienses e cun baremo totalmente parcial a favor do Pol en canto a faltas e tarxetas, consideramos que é de reseñar porque influíu no resultado final do encontro. Con un estado meteorolóxico malo (choiva e vento) e nun terreo de xogo pésimo comezou o partido. A práctica do fútbol era imposible, polo que o xogo directo era a única alternativa. E, por raro que pareza, os nosos adaptáronse perfectamente a este estilo. Defendendo duro detrás e saíndo á contra, o Mondoñedo F.C. xeneraba as ocasións máis claras do partido.

Pero neste xogo de contraataques, emerxeu a figura do árbitro sinalando unha vez e outra tamén fóras de xogo, non todos existentes, polo que impedía que os nosos encararan man a man ó porteiro local. Só nunha xogada que o árbitro non sinala como fóra de xogo, porque non era, Moisés encara a Mario e remata a gol para facer o 0-1 no marcador. O pase foi de Noly e corría o minuto 25. Foi a única xogada na que o árbitro deixou seguir o xogo e, vendo que o resultado fora gol, a partir daquí non se arriscou e todas as xogadas dese estilo eran sinaladas como fóra de xogo. Xa na segunda metade o arbitraxe recrudeceuse na nosa contra, desta vez sinalando faltas e tarxetas, as máis delas cando menos discutibles. O de saír á contra era misión imposible porque sinalaba posición antirregulamentaria e nalgunha xogada de combinación tanto Noly como Moisés e Martín non atinaron coa portería rival. Así as cousas, unha rápida xogada pola banda esquerda do ataque do Pol e logo de saír desde unha posición dubidosa, Miguel pon un balón en bandexa que o dianteiro local Brais remata a gol para facer o 1-1 final.

Corría o minuto 30 da segunda parte. Ata o final, a dinámica continuou e foi imposible para os nosos perforar a meta local, tanto por erros propios como por "outros" factores alleos. Agora o próximo partido dispútase o sábado ás 16:15h no Viñas da Veiga ante o colista Roupar polo que os mindonienses tratarán de resarcirse do partido ante o Pol cunha victoria.
Aliñacións:

S.D. Pol: Mario; Gómez, Enrique, Hugo, Iago; Diego, Rubén, Óscar, Jorge, Míchel e Miguél. Tamén xogaron Noel e Brais.

Mondoñedo F.C.: Roberto; Carlos, Lori, Miguél, Irra; Pico, Ros, Ánxel, Karro, Noly e Moisés. Tamén xogaron Jesús, Martín e Lucas."