Temos unha nova colaboración nas nosas entrevistas. Esta vez a Javi Rico, o cal agradecemos a súa colaboración.
Deixámosvos aquí a súa entrevista:
1. NOME:
• Javier Rico Díaz (Javi ou Santalla)
2. LUGAR DE NACEMENTO
• (Santalla – A Pontenova)
3. COMPAÑEIRO DE AVENTURAS DEPORTIVAS AO QUE BOTAS DE MENOS ESTES DÍAS:
• Boto de menos a moita xente coa que practiquei deporte, pero se teño que dicir un, sería Javi Trashorras. Un extraordinario amigo e un dos xogadores de fútbol con máis calidade dos que levo visto.
4. MELLOR DEPORTISTA CO QUE ADESTRACHES
• Kike, porteiro da S.D. Mindoniense. Desde o primeiro día que cheguei ao club volcouse conmigo e axudoume moitísimo. Ámbolos dous eramos moi esixentes nos adestramentos e coido que eso nos conectou desde o primeiro día. Aproveitei ao máximo todo o tempo que estiven con el. Gardo un excelente recordo daquela época.
5. MELLOR ADESTRADOR?
• Teño que salientar dous. En fútbol “José Manuel Miranda” e en atletismo “Manuel Valcárcel Lastra, Ventura”.
o Miranda levoume con el a moitos dos equipos que dirixiu, entre eles á SD Mindoniense. Cando eu comecei a xogar ao fútbol, na Pontenova non había equipos de categorías base e tiñamos que ir xogar fóra. Miranda adestraba á Comercial de Lugo de Rexional e eu acompañabao dous días á semana para adestrar cos Cadetes. A partir daí, Riotorto, Mindoniense, A Pontenova… Un gran tipo e un gran adestrador!
o Pola súa banda, Ventura foi quen nos iniciou a moitos no mundo do deporte. Como dixen antes, nos anos 80 non había un tecido deportivo amplo e dependíamos da iniciativa dalgúns para incentivar a práctica deportiva e, por aquel entón, Ventura comezou a crear grupos de adestramento de atletismo aos que nos apuntamos uns cantos. A partir daí creouse o Club de Altetismo Riguilete polo que tantos atletas pasamos, organizáronse as primeiras carreiras populares en A Pontenova. Moito lle debemos a este home!!
6. QUE BOTAS DE MENOS DOS ADESTRAMENTOS?
• Os compañeiros, a rutina, as sesións dos adestramentos, a tensión dos partidos e por suposto os momentos inesquecibles das ceas de equipo. A etapa na SD foi unha época fantástica. Gardo moi bos recordos.
7. E DO TEU DÍA A DÍA?
• Sen dúbida poder estar persoalmente co resto da familia, cos compañeiros de traballo, co alumnado da facultade, cos amigos e coa xente do deporte. Tamén boto de menos facer deporte ao aire libre, pero agora toca estar na casa. Non obstante, neste momento a miña muller o meu fillo e máis eu, procuramos ter unha rutina e seguimos facendo moitas cousas tanto do traballo e estudo como de ocio. Non nos aburrimos.
8. MELLOR RECORDO DEPORTIVO?
• A primeira participación na Carreira Pedestre de Santiago. Aínda estábamos no cole de Primaria e Ventura e o mestra de EF levárannos a competir a uns cantos. Cando chegamos a Santiago e vimos a miles de nenos e nenas participando, e nós no medio deles, quedamos impresionados.
9. MAIOR TOLERÍA QUE FIXECHES POLO DEPORTE?
• Depende como se entenda o de tolería. Eu considero que ningunha, pero hoxe podería sorprender que un neno de 11 anos se pasara varios veráns de venres a domingo nos pavillóns xogando maratóns de fútbol sala mañá, tarde e noite. Desde moi pequeniño Carlos do “Mourín”, veciño de Santalla e gran amigo, levoume con el aos maratóns de A Pontenova, Mondoñedo, Alfoz, Valadouro, Viveiro, Xove, Cospeito, etc… Foi unha etapa que me marcou para ben! A partir daí, veu a época dos Carrozas e de Pizarras Lorido, etc. Moito boto de menos aquela época. Agora xa non se fan.
10. UN LUGAR
• Sen dúbida, Santalla (A Pontenova). É o sitio onde nacín e onde me criei. Alí viven meus pais.
11. UNHA PELI
• Invictus
12. UNHA CANCIÓN
• Chea de Vida (Guadi Galego)
13. UNHA COMIDA
• Os faragullos. En Santalla sempre os fixemos e agora ao meu fillo encántalle cociñalos. É un prato típico de A Pontenova.
14. UN POSTRE
• A tarta da avoa
15. DEPORTES QUE PRACTICAS
• Habitualmente salgo a correr, bici e exercicio co propio peso. Neste momento, no período de confinamento, principalmente bici estática, exercicios co propio peso e axúdolle ao meu fillo cos adestramentos de kárate que está facendo o seu club Akai Ryu por videoconferencia.
16. CONSELLO QUE DAS PARA LEVAR MELLOR O CONFINAMENTO
• Prefixar uns horarios para manter a rutina, combinando as horas de traballo/estudo coas tarefas da casa, 1 horiña para facer actividade física e por suposto, tamén tempo para o lecer. O día pasa rapidísimo.
17. QUE EXERCICIOS LLE RECOMENDAS Á XENTE PARA FACER NA CASA ESTES DÍAS
• O primeiro que lle recomendo é que, se teñen posibilidade, lle consulten a algún profesional cualificado do sector da actividade física e o deporte que teñan no seu entorno. En internet están proliferando moitas iniciativas para facer exercicio sen filtro para uso xeralizado, e iso é un risco porque cada persoa pode ter as súas necesidades e as súas limitacións.
• O que sí é importante é moverse na casa e non pasar demasiado tempo sentados. Podemos desprazarnos polos pasillos sen peso ou con algo agarrado nas mans para ter resistencia, facer as tarefas da casa con máis regularidade que cando non estábamos confinados (limpeza, colocar armarios..), subir e baixar escaleiras, sentarnos e levantarnos varias veces dunha silla ou do sofá, subir e baixar cousas das estanterías, etc.. Tamén podemos aproveitar para poñer música e bailar, etc. Se puideramos dedicar 1 horiña diaria, como mínimo, de forma continuada, sería fantástico.
• E para os que tedes nenos pequenos, a mellor das opcións e deixarnos levar por eles porque nos porán a andar todo o día. Jejeje.
